Billarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Levantando a billarda.
Preparando o golpe da billarda.
Golpeando a billarda.
Voo da billarda.

A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020[1]. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.

Características[editar | editar a fonte]

A estornela ou billarda foi un dos xogos máis coñecidos e populares de Galicia ao longo de toda a súa historia, e é xogado especialmente na época de bo tempo. Os xogos tradicionais, coma outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Fomenta a creatividade, xa que os obxectos deben ser fabricados ou deseñados por un mesmo, e a comunicación, porque obrigan a falar cos compañeiros para poñerse de acordo e negociar as regras. Amais, os xogos tradicionais eliminan as barreiras sociais polo seu baixo custo.

Malia que existe unha gran variedade de nomes e regras, a característica común do xogo consiste en darlle cun pau (panca, palán, palín, palén ou varal) a outro máis pequeno (billarda, o que dá nome ao xogo, ou estornela), para elevalo e despois envialo o máis lonxe posible. Noutros municipios da Ribeira Sacra, Pantón e Valdeorras (Casaio) xógase dunha maneira distinta á billarda. Ó tirar a billarda poñen o palán dende onde tiraron e lanzan a billarda cara o palán, esta maneira de xogo vai por puntos.

Material[editar | editar a fonte]

O que se precisa para xogar á billarda

Os elementos necesarios son dous paus, duns 2 ou 3 cm de ancho. O máis longo debe ter 50 cm, e o máis curto, duns 15 cm, debe agudizarse polos dous extremos. O espazo de xogo está composto por dúas porterías en forma de ferradura dun diámetro aproximado de 80 centímetros e separadas uns 10 pasos.

Regras[editar | editar a fonte]

As normas para xogar varían en función da rexión xeográfica. Amais, adáptanse ao terreo de xogo e á cantidade de xente que xogue. Con todo, existen unhas normas unificadas da Liga Nacional de Billarda, tanto no referente ao desenvolvemento do xogo, a formación dos equipos ou a puntuación.

Poden xogar dous ou máis xogadores que se reparten en equipos. Para comezar a xogar sortéase cal dos xogadores ou equipos sae primeiro. Dende unha circunferencia feita no chan (reinado ou meta; ou cadrado na Limia), deben golpear a billarda co palán nunha das puntas para levantala e, cando estea no aire, darlle outro golpe para lanzala o máis lonxe posíble do lugar en que se atopen. O que fique coa billarda máis cerca comezará o xogo do mesmo xeito. Isto repetirase tres veces, dependendo se se xoga a un intento ou a tres, e ó remate das tiradas terá que calcular a distancia, en paláns ou paus, que hai dende o punto de inicio ata onde está a billarda caída. Se acerta nas medidas (nalgunhas versións, sen exceder) segue xogando e, se non, eses puntos pasarán ó outro equipo, quen comezará unha nova tirada. Ó final gaña o equipo que máis paláns, paus ou puntos teña.

O terreo de xogo é de forma rectangular, cunhas medidas de 50 metros de longo por 20 metros de ancho, sendo marcado o perímetro por unha liña. Nun dos extremos márcase un cadrado de 60 cm de lado, denominado zona de saque. No extremo oposto está marcado o varal, de 3,6 metros de lonxitude. O varal non posúe longueiro, polo que se prolonga a liña imaxinaria dos postes.Todas as medidas anteriores son relativas, podéndose adaptar en cada caso ás condicións do terreo no que vaiamos xogar.

Para comezar a xogar sortéase cal dos xogadores ou equipos sae primeiro.

O lugar de saída (reinado ou meta; ou cadrado na comarca da Limia) pode ser unha marca calquera (un buraco feito no chan, un pau pousado, un desnivel do terreo...) ou ben un círculo ou cadrado, cun diámetro que oscila segundo os lugares entre os 60 cm e os 3 metros. Desde alí deben golpear a billarda co palán nunha das puntas para levantala e, cando estea no aire, darlle outro golpe para lanzala o máis lonxe posible do lugar en que se atopen.

Cada xogador só ten unha opción de golpeo válida, polo cal se o xogador golpea a billarda no chan e esta non se levanta, considérase opción de tiro, polo que pasa a quenda ao contrincante. Calquera situación na que a billarda é tocada polo palán, está considerada como lanzamento, tanto si é un lance bo, como se é malo. Se a billarda se levanta do chan pero non é golpeada no aire, sucede o mesmo, pasa a quenda o contrario. A billarda nunca se pode golpear desde que toque no chan despois de ser levantada, pero mentres que a mesma non o toque, é posible golpeala no aire tantas veces como a habilidade do/a xogador/a o permita.

Intentarase que a billarda colla a dirección do varal, e se no primeiro lanzamento se consegue introducila no varal (acción que se denomina varado), o opoñente pode intentar facer a mesma xogada para empatar a partida, pero se non o consegue, a partida xa ten gañador.

Se o primeiro lanzamento non consegue ser varado, o palanador fai o seguinte lanzamento dende o sitio que a billarda se detén despois de ser lanzada. Está prohibido mover, parar ou desviar a billarda intencionadamente mentres a mesma está rodando.

Se un lanzamento sae fóra da pista, o seguinte faise dende o punto da liña por onde saíu a billarda, denominada esta acción saque de banda. Só é posible sacar de banda cando a billarda despois de ser lanzada toca polo menos unha vez dentro da pista, porque se o lanzamento sae fóra directamente, vólvese ao sitio desde onde se lanzou. Se o lance sae pola liña de fondo, a billarda volve situarse no mesmo sitio.

Só se considera que a billarda sae do campo cando supera por completo a liña, tendo que estar todo o corpo da billarda do outro lado, e non se cae ou para xusto na liña de banda ou na liña de varal.

Para rematar a partida, segundo as normas da LNB, a orde de tiro é alternativa, e gaña a partida aquel xogador que consegue meter a billarda por entre o varal antes que o seu contrincante, usando sempre o mesmo número de lances ámbolos dous palanadores. Pode darse o caso de que unha partida quede en empate, sempre que no mesmo número de golpes os palanadores metan as súas billardas no varal. Segundo outra variante, o xogador que queda máis lonxe empeza o xogo do mesma xeito golpeando a billarda tres veces en dirección da saída, mentres un xogador contrario intenta cortarlle o camiño. Ao terminar a tirada ten que calcular a distancia, en pancas, que hai entre o círculo inicial e onde está a billarda caída. Se acerta nas medidas (nalgunhas versións, sen exceder), o número de pancas convértense en puntos e segue xogando e, se non, eses puntos pasarán ó outro equipo, que comezará unha nova tirada. Ó final gaña o equipo que máis paláns, paus ou puntos teña.

Na publicación O Gaiteiro de Lugo - Calendario Gallego dábase a seguinte variante: Se cando a billarda vai polo aire algún dos do equipo contrario a pilla coas mans e di «Palán e billarda que na miña man están», o que bateu perde a man. Sinálase o lugar onde caeu a billarda e un dos do equipo contrario a quen bateu tíraa intentando darlle ó palán colocado no lugar de saída. Se lle atina perde a man o que bateu, e se non, continúa xogando o mesmo que bateu dende o lugar onde caera a billarda. Cando remate o xogo calcúlase a distancia e se os dous equipos están de acordo acéptase, e se non, mídese. Se acerta coa medida, segue xogando, senón queda eliminado. Gaña o que acada máis paláns ou o que chega antes a un número acordado de antemán, por exemplo cincocentos paus.

Nas illas Canarias as porterías están defendi­das cando o pau se coloca en contacto co chan dentro da ferradura de pedras, sendo vulnerable se non existe este contacto, e ao intentar os posuidores da billarda introducila na de enfronte, os defensores das porterías teñen as seguintes opcións:

  • Permanecer co pau no chan da portería até un máximo de tres veces.
  • Golpear a billarda, con dúas posibilidades: permanecer na porte­ría ou intercambiar simultaneamente as súas posicións entre as dúas porterías cantas veces poidan, contabilizándose un punto cada vez que pican coa vara ou paleta dentro da portería contraria e propia, até que os posuidores da billarda van recollela e conseguen introducila na portería lanzándoa ou depositándoa, cambiando a continuación a posesión á parella contraria e contabilizándose os puntos.

A partida finaliza cando unha parella chega aos doce tantos ou un número estipulado de partidas. Se nalgún momento a portería queda ao descuberto, e o pau non se encontra en contacto co chan e o xogador que posúe a billarda a deposita dentro, hai cambio de papeis.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe da billarda remóntase á Idade Media, estando documentada no Libro de Apolonio (obra en castelán do Mester de Clerecía) e nas Cantigas de Santa María de Afonso X, ambas as dúas obras do século XIII.

Con certeza xa se xogaba no século XIX, pois aparece documentada en escritos daquela época (Xesús Rodríguez López, A Monteira, de Lugo, 1889), destacando o furor xuvenil do xogo. O entón xornal ferrolán El Correo Gallego recollía o 23-01-1899 unha noticia alusiva aos perigos que para a integridade dos vidros das fiestras supuña o xogo da billarda, que causaba furor entre os rapaces ferroláns.

No século XX foi analizada por diversos antropólogos, etnólogos e intelectuais, desde membros da xeración Nós como Vicente Risco ou discípulos seus como Xesús Taboada Chivite, até personalidades como Fermín Bouza Brey (Xogos iniciáticos infantiles da Galiza, 1963), Arturo Romaní (Xogos infantiles de Galicia, 1983), María Barrio e Enrique Harguindey (Lerias e enredos para os máis pequenos, 1983), Camilo Brandín Feijoo (Os xogos dos nosos rapaces, 1986), Xoaquín Lorenzo «Xocas» (Enredos, 1992) ou Ana Estévez Lavandeira (Os xogos, 2000).

Denominacións[editar | editar a fonte]

Rivas Quintas (Frampas I e II) recolle a denominación de lipio en Xesta (A Lama), lípiz en Seixido (A Lama) e lipes en Ardán (Marín), co significado de nome do xogo. Engade que pode vir do inglés to leap, saltar. Lipilape é o nome dado en Marín. Outros dicionarios recollen lipe. Rivas recolle tamén pincha en Tui, pinche en Valiñas (Forcarei) e pinchín en San Mamede (Carnota) como o nome do pau pequeno. Pincha (de pincho, salto no aire) é o nome dado ao xogo en Torneiros (O Porriño). Na comarca de Vigo é coñecido co nome de pateiro e na comarca do Baixo Miño como cachiza.[2]

Tala non aparece nos dicionarios galegos con este significado (é unha parte do remo, unha arte de pesca e unha pinza para coller castañas), pero si que designa este xogo en castelán.

O termo billarda procede do francés billard («bastón de xogar»), tendo a mesma orixe que o xogo do billar. Estornela vén do latín sturnu(m) («estorniño») + -illa(m) (sufixo diminutivo), talvez unha metáfora baseada no voo veloz do paxaro. Palán vén do latín pala(m) (pa, pau longo), posiblemente a través do castelán (pois conserva o -l- intervocálico).

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Bòlit do pic i pala de Cataluña.

Amais de en multitude de vilas e aldeas de Galicia, Asturias e León, coñécese a súa práctica noutras zonas da Europa. Na illa da Gran Bretaña o xogo é coñecido como Tip-cat. Practícase tamén a billarda en Eslovenia e Croacia baixo o nome de pandolo. Na España, en Salamanca, hai unha variante coñecida como chirumba, na que a peza golpeada se chama bigarda. En Aragón recibe o nome de toña ou tala.

A Liga Nacional de Billarda ten contacto con organizacións doutras rexións, coas que realiza encontros: o aberto billarda-txirikila no País Vasco, o Liriu en Asturias, Lippa en Italia, o Pic i pala nos Países Cataláns, e en Francia. Forma parte da Gran Trovada Cantábrico-Mediterránea, na que se xuntan participantes de Galicia, Asturias, País Vasco, Cataluña e València. Levouse a cabo un encontro internacional, cun partido entre Galicia e Alemaña en Ribadeo en 2008.

LNB[editar | editar a fonte]

Dani, do equipo Rinoceronte, no Aberto de Figueirido 2014.

Actualmente, dentro dun marco xeral de recuperación de vellas tradicións, vólvese practicar en festas, pero desde hai uns anos organízase anualmente a Superliga Galega de Billarda.

A liga está organizada en cinco conferencias: catro por rexións xeográficas (nordeste, noroeste, sur e centro), e outra propia da Universidade de Santiago de Compostela. Está prevista a creación dunha conferencia propia na Universidade de Vigo. Durante a tempada organízanse diferentes abertos, nos que se pode competir de modo individual ou por equipos. Os que acadan máis puntuación durante a tempada, clasifícanse para os play-offs, que disputan os mellores de cada conferencia.

Os xogadores e xogadoras máis en forma de cada conferencia poden ser requiridos para defender as cores da Selección Galega de Billarda, coñecida co alcume d'A Auténtica, nos diferentes torneos en que participe. Polo de agora a selección participou en dúas edicións da Copa Cantábrica (acadando a vitoria nas dúas ocasións), e nun enfrontamento contra a selección de Alemaña en Ribadeo no 2008, encontro que tamén foi gañado.

Torneos da LNB[editar | editar a fonte]

Os participantes inscritos en cada torneo divídense en grupos de clasificación, preferentemente de 5 ou 6 xogadores, organizados aleatoriamente, sen cabezas de serie. Clasifícanse os dous primeiros de cada grupo e comezan os cruces. Para facer cadrar os grupos de cara aos cruces poden clasificarse 2 ou 3 de cada grupo, segundo o número de xogadores que participen no torneo. Esta decisión tomarase en cada torneo en concreto co obxectivo de lograr que en oitavos de final só haxa 16 xogadores. A partir de aí, desenvolverase o torneo por sistema de eliminatorias.

Procurarase que haxa dous árbitros en cada cancha de xogo e un xuíz de mesa que anote as puntuacións.

Sistema de puntuación (Conferencia Sur)[editar | editar a fonte]

  • Gañador: 8 ptos.
  • Finalista: 7 ptos.
  • Terceiro: 6 ptos.
  • Cuarto: 5 puntos.
  • 1/4 finalista: 4 ptos.
  • 1/8 finalista: 3 ptos.
  • Clasificado nos grupos (se hai 1/16avos ou rolda previa aos 1/8avos): 2 ptos.
  • Puntuación por participar: 1 pto.
  • O gañador de cada grupo suma 2 puntos máis.
  • O segundo de cada grupo suma 1 punto máis.

Clasificación (Conferencia Sur): en total xóganse 10 torneos. Os puntos que un xogador consegue en cada xornada vanse sumando para a súa clasificación individual, contabilizándose a final da liga os puntos dos 8 mellores resultados. Gaña a liga aquel que teña mellor puntuación. Haberá os seguintes gañadores:

  • Gañador/a da LNB Conferencia Sur
  • Gañadora feminina (só no caso de que non coincida co gañador/a absoluto/a)
  • Gañador/a de varados
  • Equipo gañador

Os mellores xogadores, os mellores en varados e o mellor equipo participarán nos play-offs finais, enfrontándose cos gañadores do resto de conferencias para loitar polo triunfo na Liga Nacional de Billarda.

Sistema de equipos: os equipos contarán cun mínimo de 4 xogadores e un máximo variable, aínda que se procurará que en cada torneo non participen ao mesmo tempo máis de 12. O recomendable de cara á participación nos play-offs é que sexan polo menos 6. Non é necesario que xoguen todos en cada torneo: poden xogar os que queiran, pero só puntúan os 4 mellores no torneo. Os puntos deses catro mellores son os que se contan para determinar o equipo gañador nun torneo.

Na clasificación xeral por equipos, sumaranse os puntos conseguidos por cada equipo en cada torneo, e só se terán en conta as 8 mellores puntuacións.

Pódese participar nos torneos sen ter equipo, e pode facerse un equipo só para un torneo. Ao longo da liga pódense incorporar novas fichaxes a cada equipo, ou facer algún cambio se se produce unha baixa. Ao final da liga controlarase que non se fagan cambios de xogadores coa finalidade de alterar o resultado.

Influencias[editar | editar a fonte]

Nos últimos tempos levouse a cabo un proceso de recuperación do xogo. Máis alá da organización da Liga Nacional de Billarda, estase intentando levar o xogo a outros estamentos culturais. Unha das propostas, mencionada por Lois Pardo, é compatibilizar a tradición coa modernidade, sinalando a posibilidade de incluír na consola Wii a billarda (ou os birlos galegos), unha modalidade moi completa e divertida.

O himno da LNB é a canción «Billarda sempre, adiante co varal!» escrita polo coruñés Xabier Cordal e musicada por Daniel Rodríguez Saavedra e Xermán Viluba. Por parte da LNB fíxose unha proposta a grupos de distintos estilos (pop, electrónica, funk, rock...) para faceren cancións coa billarda como temática, como Ultraqäns, Cuchufellos, Labazada, Fachenda galega («Rebelión das estornelas») The Homens, Narf, Capitán Furilo, Projecto ['Trepia], Novidades Carminha, Zimmer 103 («Achicando as pozas»), Galegoz («O amo da billarda»), Fanny + Alexander («Lipilape»; poema de Lara Dopazo), Projecto Mourente, Maghuá, Fouciños do Piño ou Mr. Don Jaita. Amais, cóntase coa colaboración do grupo asturiano de punk-rock Misiva.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

(v. tamén obras de Vicente Risco e Xesús Taboada Chivite).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]